Os Simpson estrean xogo de balde para iOS

venres, 2 de marzo do 2012 Marcus Fernández

O éxito de xogos como FarmVille ou CityVille é evidente, e nos últimos meses xa conseguiron trasladalo ao éxito a dispositivos coma o iPhone ou o iPad con franquías coma os Pitufos, e agora son os Simpson os que van polo mesmo camiño co xogo de balde Los Simpson: Springfield (coñecido internacionalmente coma The Simpsons: Tapped Out), que sitúa a aventura nunha cidade destruída tras un accidente causado por Homer, de xeito que agora poderemos reconstruír Springfield coma desexemos, valéndonos de mecánicas coñecidas noutros xogos semellantes (que se remontan ao clásico SimCity), pero aderezadas con detalles da serie de televisión: haberá que axudar a Homer a atopar á súa familia e amigos, as moedas do xogo (que tamén poderán mercarse con cartos de verdade) serán rosquillas, poderase cultivar tomaco na granxa de Cletus, Apu terá que traballar arreo no seu Badulaque... e incluso teremos pequenos fragmentos animados en vídeo que enriquecerán este xogo free-to-play.
Aínda que temos a opción de pagar para mellorar a experiencia de xogo, é posible gozar do mesmo totalmente de balde, e como pegas deste título para iOS temos principalmente que só está dispoñible en inglés e que, debido ao seu éxito, está a experimentar algúns problemas de conexión aos seus servidores, que fai que de cando en vez sexa difícil poder comezar unha partida.

Un accidente provocado por Homer levaranos a ter que reconstruír Springfield no xogo
Tras o lanzamento do xogo están a experimentarse problemas de conectividade por culpa do seu éxito que dificultan comezar unha nova partida nalgúns momentos

PUBLICIDADE