Os Transformers clásicos volven nun xogo de PlatinumGames

martes, 6 de outubro do 2015 Marcus Fernández

Para os seareiros da serie de animación orixinal dos Transformers esta semana chega ás tendas un xogo que vainos facer vibrar de emoción e nostalxia, xa que o estudio PlatinumGames pariu un dos mellores xogos desta franquía que se fixeron nunca, Transformers: Devastation, no que os Autobots teñen que enfrontarse aos Decepticons para evitar que o malvado Megatrón poña en funcionamento un mecanismo que permitiría ciberformar o planeta Terra.
Este xogo baseado na coñecida como Xeración 1 dos Transformers permítenos controlar a 5 Autobots diferentes (Optimus Prime, Bumblebee, Sideswipe, Wheeljack e Grimlock), que participarán en intensas escenas de acción propias do estudio que desenvolveu este título (xa que falamos dos creadores de xogos como Bayonetta e Vanquish).
Transformers: Devastation tamén conta con 5 niveis de dificultade (sendo recomendado os niveis máis esixentes se queremos evitar certo tedio nas mecánicas de combate) e coa posibilidade de desbloquear tres deseños para personaxes e tres armas incribles.
Aínda que algúns críticos comentan que estamos ante un xogo de pouca duración (para xogadores de certo nivel podería rematarse a súa historia en apenas catro horas) falamos dun título que non sae á venda ao que poderiamos chamar prezo completo, senón que xa podemos mercalo por 39,99 euros na súa versión para PC. A partires do día 9 e por 49,99 euros poderemos facernos tamén coa versión do xogo para PlayStation 4 e para Xbox One.

No xogo controlaremos a 5 Autobots que deberán frustrar os plans de Megatrón

Tráiler de lanzamento de Transformers: Devastation

PUBLICIDADE