Os beneficios das redes sociais para os comercios, ao detalle nunha xornada en Ribeira

venres, 22 de setembro do 2023 S. P.

Os días 25 e 27 de setembro o local da Asociación de Empresarios de Ribeira vai acoller unha xornada directamente encamiñada a facilitar o uso das novas ferramentas de comunicación e das comunidades dixitais entre os establecementos locais, con vistas a incrementar produtividade, competitividade e visibilidade. A xornada Como xestionar as redes sociais do teu negocio para que xeren rendemento contará coa presenza activa do experto en nova comunicación Javier Rocamora, con amplos coñecementos sobre mercadotecnia dixital, xestión de comunidades en liña e comercio electrónico.
As prazas son gratuítas e limitadas. As inscricións haberá que facelas a través da conta correo@empresariosriveira.com.
A xornada vén da man da Cámara de Comercio de Compostela, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, en colaboración coa patronal de Ribeira.
Os obxectivos da xornada son: aprender a xestionar as redes sociais do noso comercio, en que redes nos interesa estar e características das principais redes sociais. Definirase un plan de actuación axeitado, os seus contidos e o manexo das interaccións e conversacións xeradas. A cita vai dirixida a persoas autónomas, microempresas, pemes e persoas emprendedoras do sector comercial e comerciante polo miúdo. O número de prazas é de 30. Celebrarase no local da Asociación de Empresarios de Ribeira, no 13 (baixo) da rúa Rosalía de Castro, en horario de 20.30 a 22.30h.
Como dixemos, o relator será Javier Rocamora García, consultor autónomo especializado e con dilatada experiencia en mercadotecnia dixital, xestión de redes sociais e comercio electrónico desde 2008, operando baixo a marca comercial As 3 en Punto.

PUBLICIDADE