Os cables USB-C poderán transportar até 240 watts

mércores, 26 de maio do 2021 Marcus Fernández

O protocolo USB continúa a incorporar melloras, e no caso do conector USB de tipo C temos finalmente a revisión 2.1 que como importante mellora ten o incremento da potencia eléctrica que pode transportar, que pasa co cento de watts actuais (dabondo para equipos portátiles lixeiros) até os 240 watts (de xeito que incluso permitiría alimentar un portátil gaming así como monitores bastante esixentes).
Lembremos que inicialmente os portos USB limitábanse a alimentar accesorios como ratos e teclados, pero pouco a pouco foron incrementando a súa potencia para así librarnos dos molestos adaptadores de corrente dos discos duros externos, e agora irían aínda máis aló, podendo empregarse para dar corrente a ordenadores portátiles de grande potencia, monitores de grande tamaño, impresoras e moitos outros periféricos que até o momento precisaban alimentación adicional para funcionar.
Tardaremos en ver como esta nova especificación é unha realidade, pero sen dúbida é unha boa aportación para a redución do cableado nos escritorios informáticos, xa que a través dunha única toma de corrente poderiamos alimentar a numerosos dispositivos en cadea.

PUBLICIDADE