Os cavernícolas Joe e Mac están de volta

mércores, 23 de novembro do 2022 Marcus Fernández

Moitos clásicos dos salóns recreativos están a ter unha segunda vida grazas a versións renovadas que conservan o seu espírito, pero presentan gráficos mellorados para poder gozarse dignamente en equipos modernos, e este tratamento é o que reciben os cavernícolas máis senlleiros no mundo dos videoxogos en New Joe & Mac: Caveman Ninja, título que Microids fixo posible e que chegará ás tendas físicas o 1 de decembro en versións para Nintendo Switch, PS4 e PS5, así como ás tendas dixitais de Xbox e PC, aínda que as versións descargables para Nintendo Switch, PS4 e PS5 chegarán mañá mesmo.
O xogo colócanos na pel dun par de cavernícolas que viven tranquilos nunha aldea até que un grupo de neandertais que secuestraron a todas as mulleres, polo que teñen que acudir ao seu rescate, enfrontándose a dinosauros, plantas carnívoras e outros perigos.
Podemos vivir esta aventura nun modo arcade, que vén a ser unha recreación do xogo de recreativa orixinal, aínda que tamén está dispoñible un modo estendido, que ofrece unha experiencia máis longa. Mantendo a esencia do orixinal, o xogo permite gozar do xogo cooperativo local, polo que é un título ideal para xogar cos amigos.
En formato físico New Joe & Mac: Caveman Ninja pode mercarse nunha T-Rex Edition que, aparte do xogo (en versión para Switch, PS4 ou PS5) inclúe un par de follas con adhesivos, unha carta e un chaveiro 3D.

Tráiler de lanzamento de New Joe & Mac: Caveman Ninja

PUBLICIDADE