Os contidos de Radio Galega Podcast chegan a Spotify e Apple Podcasts

mércores, 2 de febreiro do 2022 Marcus Fernández

O pasado mes de outubro naceu RadioGalegaPodcast.gal como unha plataforma de contidos sonoros que non levaba moi ben a palabra podcast no seu título, xa que a meirande parte dos seus contidos non estaban dispoñibles mediante subscrición, pero finalmente esta canle de publicación decidiu abrirse a outras plataformas, e hoxe anuncian que os contidos pasan a estar dispoñibles a través de Spotify e Apple Podcasts, facendo moito máis accesibles os podcasts da Radio Galega, entre os que cada vez hai máis material nativo dixital, ou sexa, producido para a súa reprodución a través da Rede e non a través da FM.
Agora podemos abrir a aplicación de podcasts dos dispositivos de Apple ou a aplicación de Spotify (que está a converterse nun dos reprodutores de podcasts máis empregados entre a mocidade e os novos oíntes deste formato sonoro) e atopar podcasts como Galicia Emerxe, Moito ollo!, Zeta, O Barroquista, Corazón contento, Próxima estación, Superando a ficción, Tres Peixes Voando, Ondas Indies, Morra O Conto, A fin do mundo, Efervesciencia, Consellos con sexo, Como que non?, Consellería do Ritmo, Lambóns de viaxe, O Poigrama, A Bóla extra, Efeméridas, Deborah Ciencia, Arqueoloxía e Historia, Apalabradas, Enfermeira Saturada, Cara B, Arredor de Nós ou Galicia para neofalantes, facilitando así a súa reprodución tanto en liña como fóra de liña.
No caso da incorporación en Apple Podcasts cómpre salientar que moitas plataformas de podcasting aliméntanse desta base de datos, polo que a incorporación de Radio Galega Podcasts a tal catálogo pode facilitar á distribución destes contidos en galego a través de moitas aplicacións de podcasting.

PUBLICIDADE