Os creadores de Avatar empregaron tecnoloxía baseada en software libre

xoves, 31 de decembro do 2009 Raquel Noya

Avatar é, segundo os expertos, “moitas cousas, moitas boas e ata moi boas tamén”; máis alá de que pretende impartir unha lección sobre o uso irresponsable da tecnoloxía e das terribles consecuencias que podería acarrearlle á humanidade este tipo de prácticas irresponsables, a película gústanos (a nós persoalemente e tamén ao colectivo comprometido co software libre no noso país) porque nela empregáronse máis de 4.000 servidores Linux, o que lle aporta un ingrediente adicional que a fai aínda máis atractiva se cabe.
A última película de James Cameron, director de outros filmes como Titanic ou Terminator, é unha das máis taquilleiras da carteleira actual, e en tan só 10 días recadou a frioleira de máis de 600 millóns de dólares en beneficios, un éxito que, en parte, lle debe aos servidores empregados para creala.
A película, segundo informan dende Mancomún, foi creada en gran parte nos estudios neozelandeses de Weta Digital, que co seu centro de datos de máis de 4300 servidores HP Proliant BL2x220c G5 “contribuíu a producir os impresionantes efectos especiais e as secuencias visuais”.
Asemade, empregáronse, segundo afirman, “un total de 40.000 procesadores con 104 Terabytes de memoria RAM funcionando as 24 horas do día, procesando de 7 a 8 Gigabytes de datos por segundo e producindo 17,8 Gb por cada minuto de película. Todo nun cluster de Linux que actualmente ocupa o posto 193 do ranking dos 500 supercomputadores máis rápidos do mundo e para o que se tivo que construír un sistema de refrixeración con auga, xa que os sistemas convencionais de pisos elevados de refrixeración por aire non podían controlar a calor que se producía”.

PUBLICIDADE