Os discos duros WD My Passport Studio incorporan conectividade FireWire 800

xoves, 30 de outubro do 2008 Marcus Fernández

Os discos duros externos Western Digital My Passport Studio melloran a súa conectividade, e aparte de USB 2.0 e FireWire 400, agora tamén son compatibles con conexións FireWire 800, o que agradecerán os usuarios de moitos equipos de Apple, que poden aproveitar esta característica para realizar a máis velocidade as transferencias de datos (grazas tamén a novos controladores deseñados especificamente para Mac).
Esta revisión dos discos duros externos está claramente orientada a usuarios de ordenadores Mac, como evidencia o feito de que veñan pre-formatados en HFS+ (aínda que se poden reformatar para o seu uso baixo Windows) e son compatibles coa aplicación Time Machine para Mac OS X.
Os prezos de venda son de 199,99, 229,99 e 249,99 dólares para os modelos con 320, 400 e 500 Gb respectivamente, podendo atoparse en España o modelo de 320 Gb por un prezo de a partir de 153,38 euros.
Resulta curioso que se optimicen os dispositivos con conectividade FireWire nun momento no que chega ao mercado o novo modelo de MacBook que prescinde deste tipo de porto, o que podería molestar a moitos usuarios, xa que o FireWire era a interface preferida polos maqueiros fronte o USB.

PUBLICIDADE