Os editores de xornais loitan polos seus dereitos de propiedade intelectual tamén na Rede

venres, 5 de xuño do 2009 Raquel Noya

Logo de que un xulgado do mercantil de Madrid lle dera a razón aos editores de diarios, prohibíndolle a unha empresa de resumes de prensa distribuir contidos de xornais sen contar antes coa súa aprobación, a Asociación de Editores de Diarios Españois (AEDE) vén de anunciar que “estarán dispostos a defender os seus dereitos de propiedade intelectual tamén en Internet, facéndoos valer ante os agregadores de novas como Google News”.
A sentenza emitida polo devandito xulgado recoñece como titulares dos dereitos de propiedade intelectual dos diarios, tanto impresos como na Rede, aos seus editores, polo que estes estiman que a resolución “pode ser trasladada aos agregadores de novas en liña” xa que, segundo apuntaba o portavoz da Asociación Europea de Editores de Periódicos (ENPA), sen os contidos editoriais procedentes da prensa,”estes nin sequera existirían”.
A Asociación de Editores de Diarios Españois (AEDE), pola súa parte, considera o fallo xudicial como un punto de partida na defensa dos seus intereses lexítimos de propiedade intelectual, e avogan por “chegar cos agregadores de novas en liña a acordos similares aos que acadaron coas empresas de press-clipping”.
Esta práctica, que non é máis a acción de agregar contidos, só se poderá levar cabo, segundo informou o socio director do despacho de avogados Cremades & Calvo-Sotelo (que levou o caso), “baixo autorización dos titulares da información”.
Pola súa parte, o director xeral da AEDE, Ignacio M. Benito, quen considera que o respeto dos dereitos de propiedade intelectual dos editores “é abolutamente básico para poder seguir ofrecendo información xornalística de calidade”, mostrou a súa satisfacción pola condea a Google News “por violar os dereitos de propiedade intelectual de varios diarios belgas” xa que, segundo afirma, “quedou probado que máis que un motor de búsqueda é un portal de novas, que extrae contidos das novas de prensa”.

PUBLICIDADE