Os estudos galegos Bren achegan novidades sobre o seu último gran proxecto: Pérez 2

martes, 16 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

Bren Entertainment, o estudo de animación en 3D con sede en Compostela, vén de achegar unha serie de novas de interese sobre a marcha dun dos seus grandes proxectos da tempada e, por extensión, do audiovisual con pegada galega: Pérez 2. O filme, que é unha produción de Filmax (empresa á que pertence Bren), é a segunda parte de Pérez, o rato dos teus soños, película que -entre outros recoñecementos- obtivo o ano pasado o Goya á mellor longametraxe animada. Segundo informa Bren, a fase de realización en 3D de Pérez 2 xa chegou á súa fin, deixando paso arestora á da promoción máis estrita, sobre todo de cara á estrea prevista para o vindeiro Nadal.
Neste senso da promoción, a idea da casa é seguir na liña de apostar polas novas canles dixitais, non só para a realización en si mesma. De aí a intención de manter un diálogo aberto e continuo coa comunidade internauta en xeral a través do espazo web www.perez2lapelicula.com.
Para ir avanzando no labor de promoción, xa se están a achegar as primeiras imaxes do filme (na dita páxina e máis no YouTube) e a convocar (en boa medida pola vía do correo electrónico) a participación de blogueiros e xornalistas nunha serie de encontros a portas abertas cos responsables da devandita longametraxe, encontros a desenvolver na propia sede de Bren.
Sinalar que os estudos composteláns teñen tras de si unha ampla experiencia en materia de creación de espazos en 3D. De feito, filmes como El Cid, Pinocho 3000, Gisaku, Nocturna ou Donkey Xote teñen a súa pegada. Co seu novo proxecto, Pérez 2, agardan ir alén dos éxitos acadados pola primeira parte, que ostenta o récord de recadación no eido da animación española. O filme, que está composto por imaxe real e imaxe creada por ordenador, conta con Filmax, Patagonik e Castelao en labores de produción. Os seus protagonistas son o galego Manuel Manquiña, Manuela Velasco (Rec) e máis Claudia Fontán (El hijo de la novia).

PUBLICIDADE