Os ordenadores con WiMAX chegarán a tempo para o Nadal

venres, 28 de setembro do 2007 Marcus Fernández

Nunha xuntanza en Madrid, Ron Resnick, directivo de Intel e presidente do WiMAX Forum, asegurou que «os primeiros produtos certificados para WiMAX móbil sairán a finais de ano» de xeito que nuns meses poderemos ver como equipos portátiles abrazan o estándar IEEE 802.16 como no seu día fixeron coa serie de estándares Wi-Fi.
Resnick comentou que «coa voz, os móbiles lograron reproducir a experiencia de falar por teléfono mentres nos movemos. Queremos conseguir o mesmo en Internet e con WiMAX se poderá facer».
As vantaxes de WiMAX fronte a Wi-Fi están principalmente nos rangos de cobertura, e así, mentres un Wi-Fi se pode espallar a uns 100 metros, o WiMAX podería cubrir ata un radio de 50 quilómetros, con velocidades de conexións maiores, de xeito que incluso podería converterse nunha solución axeitada para servizos que actualmente só se comercializan por redes de cable.
Nestes días estamos a ver cómo presentan dispositivos WiMAX externos para os ordenadores de sobremesa, e mesmo tarxetas PCMCIA para dotar de tal conectividade ós portátiles actuais (como se facía antes de que o Wi-Fi viñese de serie nos mesmos), de xeito que a redución de tamaño destes periféricos poderá convertelos nunha tecnoloxía de consumo en 2008/2009, aínda que non coñecemos iniciativas comerciais en España que vaian a aproveitar esta tecnoloxía (mentres que en EE.UU. a operadora Sprint xa está a preparar un servizo deste tipo).

PUBLICIDADE