Os plans urbanísticos estarán accesibles para os cidadáns na Rede

venres, 6 de febreiro do 2009 Fernando Sarasketa

Red.es e o Ministerio de Vivenda veñen de unir esforzos para acadar que os plans urbanísticos das administracións públicas e os cidadáns estean un pouco máis preto. A iniciativa, posible grazas á mediación das novas tecnoloxías do coñecemento, foi dada a coñecer onte polos devanditos departamentos do Goberno nun acto oficial no que tamén se deron a coñecer os orzamentos: 57 millóns para a execución en catro anos. Máis polo miúdo, o proxecto consiste en abrir unha nova xanela institucional na Web ao servizo da sociedade, que poderá ter unha participación máis activa no deseño dun planeamento urbanístico calquera, dende a súa redacción até a súa aplicación. Asemade, búscase que a iniciativa teña vantaxes paras as propias administracións: por unha banda asistirá á dixitalización de todos os plans (co que se mellorarán o control, a xestión e o acceso) e, pola outra, será obxecto dun proceso de interoperabilidade. O Programa Urbanismo en Rede, do que as devanditas actuacións forman parte, contará con Red.es en labores de adhesión das entidades locais, labores entre os que se contan a dixitalización do planeamento xeral ou a implantación do programa de aplicacións para a xestión e refundido dos ficheiros do planeamento (sentando deste xeito as bases do Rexistro de Planeamento Municipal). Asemade, a entidade Red.es tamén asumirá a implantación dos servizos en liña de explotación dos datos por parte dos técnicos dos concellos e do visor web para o acceso dos cidadáns.
En boa medida, o Programa Urbanismo en Rede vai encamiñado a achegar fluidez a procesos administrativos que até o de agora implicaban longas listaxes de trámites para os cidadáns. Entre estes cóntanse os que teñen que levar a cabo os interesados en ter contacto cos dossiers dos datos urbanísticos dos concellos, dossiers que, por outra banda, non sempre ofrecen datos facilmente interpretables polos veciños e veciñas.
O programa pretende solucionar estes puntos permitindo o acceso ás devanditas fontes dun xeito “doado e inmediato”: o usuario ou usuaria poderá descargar fichas urbanísticas completas, consultar información puntual sobre parcelas ou espazos do seu interese, clasificacións, categorías do planeamento, cualificacións do solo, referencias catastrais, etc. Para máis información sobre estes proxectos cómpre consultar o informe Urbanismo e tecnoloxías da información en España publicado por Red.es na seguinte ligazón.

PUBLICIDADE