Os profesionais galegos do social media volverán a xuntarse na 3ª edición do Foro Unirede

luns, 28 de outubro do 2013 Marcus Fernández

Imaxe da pasada edición do Foro Unirede celebrada en Compostela

O vindeiro 22 de novembro botará a andar a terceira edición do Foro Unirede que este ano trasládase á cidade de Pontevedra, e que comezará cunha xornada sobre o desenvolvemento de proxectos empresariais tirando proveito da web 2.0, no que deron en chamar Unirede Emprende, e que contará con obradoiros sobre a utilización profesional de Twitter e Facebook e sobre a creación de marca 2.0, permitindo tamén que os asistentes poidan realizar consultas personalizadas acerca de como implantar un plan de empresa, marketing ou social media. Nesta xornada destacará especialmente a presenza dos profesionais que están detrás das contas de Twitter @minipunk (Alfredo Arias) e @taxioviedo (Rixar García), que son dous grandes exemplos de aproveitamento das canles sociais para potenciar negocios tradicionais.

Unirede combina relatorios con obradoiros

Xa o sábado 23 de novembro terá lugar a parte nuclear do evento, o Foro Unirede, que recolle conferencias dedicadas a experiencias prácticas e casos de éxito do 2.0 nos sectores do Marketing/comunicación, o Turismo/gastronomía, a Tecnoloxía e a Moda/Tendencias, contando con relatores de peso como Juanma Romero, director adxunto de Los desayunos de TVE e presentador de Emprenda en Canal 24 Horas; Fátima Martínez López, autora do blog Luces y sombras de las marcas e directora en Madrid do Máster #CMUA da Universidade de Alicante; e Javier Sanz, creador do galardoado blog Historias de la historia.
Tamén confirmou a súa presenza no Foro Unirede a xente de 4gotas.com, Alicia Gil, Jorge Guitián e Anna Mayer de #5eurosaldía, Edurne Baines de Vivir Galicia e Diego Pons de Viajando con Diego.

PUBLICIDADE