Os proxectos seleccionados en VíaVigo poderán recibir até 125.000 euros

luns, 14 de xullo do 2014 Redacción

Pedro Núñez, director de Vigo Activo SCR, Juan Cividanes, director de XesGalicia, Teresa Pedrosa, delegada do Estado no Consorcio Zona Franca de Vigo, e Manuel Varela, director da Axencia Galega de Innovación

Cómpre lembralo porque o noso tecido innovador ten potencial abondo de crecemento e porque para toda boa idea é preciso un escenario axeitado de desenvolvemento: a segunda edición da aceleradora de empresas VíaVigo vén de ampliar o prazo de presentación de proxectos até o 31 de xullo. Esta nova convocatoria de emprendemento do Consorcio da Zona Franca de Vigo amosa uns incentivos a ter en conta, por exemplo que cada proxecto seleccionado para participar en VíaVigo poderá recibir até 125.000 euros entre capital semente e achegas a fondo perdido. Recentemente, ademais, subiuse ao carro da aceleradora a Xunta de Galicia, achegando a través da Axencia Galega de Innovación e XesGalicia 250.000 euros a fondo perdido e 500.000 euros en préstamos participativos.
Con todas estas cifras e obxectivos, o programa convértese (en palabras do Consorcio) na aceleradora de empresas innovadoras e tecnolóxicas “máis potente de toda España”. Así, engaden os responsábeis da iniciativa, non existe outro acubillo de proxectos empresariais en todo o Estado que destine aos seus proxectos seleccionados tal cantidade de apoios. En termos concretos, VíaVigo achegará ás dez iniciativas escolmadas para a súa segunda convocatoria 1.250.000 euros entre capital semente e achegas a fondo perdido, ademais doutros 250.000 euros en gastos de formación e consultoría. Así o deron a coñecer os días pasados delegada do Consorcio, Teresa Pedrosa, Manuel Varela, director da Axencia Galega de Innovación, Juan Cividanes, director de XesGalicia e Pedro Núñez, director de Vigo Activo SCR. Perante os medios, presentaron o acordo de participación da Xunta na aceleradora do Consorcio e na que se anunciou a ampliación do prazo de presentación de ideas até o 31 de xullo.
Lembrar que VíaVigo, na súa primeira edición recibiu propostas de 131 ideas de negocio de todo tipo de sectores, das que finalmente dez xa están a piques de rematar a súa fase de aceleración “cun nivel de satisfacción moi alto entre todas elas”, explica o Consorcio.

PUBLICIDADE