Os relatores da xornada (r)evoLuƧión convidan ás administracións a intensificar a súa aposta polo software libre

venres, 12 de xuño do 2015 Fernando Sarasketa

A sesión de apertura da xornada, con Luis Alberto Fernández e Mar Castro

A Asociación Galega de Software Libre, AGASOL, abriu esta mañá a primeira hora a súa xornada (r)evoLuƧión (no Edificio CINC da Cidade da Cultura, en Santiago), un encontro-escaparate sobre programas e servizos de código aberto con vontade, tamén, de espazo de traballo colaborativo. O evento foi inaugurado polo xerente da asociación, Luis Alberto Fernández, quen fixo un chamamento a apoiar dende todas as frontes o software libre, non só polas súas vantaxes obvias para os usuarios de novas tecnoloxías (aforro, accesibilidade, apoio de comunidades) senón polas moitas oportunidades de actividade empresarial que pon ao alcance das nosas empresas. A sesión de apertura tamén contou coa presenza de Mar Castro (Igalia), quen dixo que en Europa, grazas ao código aberto, afórranse arredor de 114.000 millóns de euros ao ano.
“Por cada euro que se inviste en software privativo en Europa”, dixo a relatora, “o 85% vaise fóra da nosa contorna”. Isto non acontece cos programas abertos, explicou, onde practicamente a totalidade do investimento que se fai bota raizames na contorna xeográfica onde se leva a cabo.
A relatora, xa nun plano máis concreto, fixo un percorrido por exemplos específicos de programas abertos de éxito (e repercutindo positivamente nos usuarios e nas sociedade), algúns ben coñecidos e notoriamente catalogados como software libre (Android, Ubuntu, LibreOffice ou Firefox) e outros casos máis puntuais ou acabados de chegar de mans de firmas tradicionalmente alleas ao sector (por exemplo Apple, que vén de liberar o código de Swift 2.0, ou Microsoft, que ceibou a linguaxe de Framework.net).
Mar Castro tamén fixo mención dos recentes estudos do observatorio OSIMGA (AMTEGA), nos que se reflicte a tendencia das empresas a usar cada vez máis programas de código aberto, xa moi por diante das ferramentas privativas. Na investigación, sinalou, amósase que por primeira vez na historia, o uso deste tipo de ferramentas nas empresas de todos os sectores equipárase ao nivel de implantación das mesmas no sector TIC galego, sendo a taxa de afianzamento do open source do 84,7%. Ademais, dixo, “oito de cada dez empresas de Galicia con 10 ou máis empregados empregan software libre, o que supón un crecemento de 10,6 puntos porcentuais respecto ao ano anterior”.
Sobre as vantaxes da programación aberta, Mar Castro enumerou as seguintes: independencia do fabricante de software, aforro de custes, respecto aos estándares abertos, desenvolvemento do sector TIC local (o código dispoñíbel favorece a localización de provedores, a marxe de desenvolvemento e de actividade comercial e empresarial).
Mar Castro e Luis Alberto Fernández remataron a sesión inaugural coincidindo en animar ás administracións públicas a investir máis en código aberto, contribuíndo a xerar riqueza a todos os niveis (coas liberacións, cos novos usos, coa re-inversión, co apoio orzamentario directo aos novos desenvolvementos), non só o aforro (moi conveniente por outra banda en tempos de crise, aínda que tamén en tempos de bonanza) para as propias administracións.

Carlos Carrión, á dereita, facendo un percorrido polos sistemas informáticos libres de Paco e Lola

A xornada de AGASOL tamén contou a primeira hora coa presenza de Carlos Carrión, quen falou da experiencia con software libre de Adegas Paco e Lola (Meaño, Pontevedra), amosando a interesante interrelación entre os programas abertos e o sector vinícola, dende o xenérico até o concreto (o caso específico de Paco e Lola e os seus albariños). Expuxo, por exemplo, os detalles do Centro de Proceso de Datos das adegas, cos seus tres servidores virtualizados, de xeito que se mantén sempre en activo calquera servizo (evitándose o problema inicial de ter un servidor físico Linux, sen apoio e sistema de cobertura); ou as características da ferramenta empregada para a xestión de vendimas (Éwin Bodega), que ten as vantaxes, sinalou Carrión, “de non obrigar ao pago de licenzas, achegar ofimática de balde, medre gratuíto e ausencia de virus, amais dun nivel de necesidades moito menor ao de Windows”. Lembrou que a implantación de software libre no caso das Adegas Paco e Lola “non foi un proceso doado”, e máis datando como data de 2006, un intre no que aínda se estaba lonxe de contar co respaldo (programático, profesional, técnico, filosófico) open source da actualidade.
O punto de vista moral e legal achegouno Javier de la Cueva no evento de AGASOL, experto no dereito no ámbito electrónico e de protección de datos, quen lembrou as moitas posibilidades que ten hoxe en día o usuario da Rede de ser espiado a raíz das informacións que consulta ou achega. Tamén falou do negocio con datos e do proceso imparábel de crecemento do Big Data, un fenómeno para o que semella non haber límite e que de feito consiste (cada vez máis) en reflectir e rexistrar (sobre todo de man das grandes empresas) non só datos da nosa privada, senón información detallada sobre como nos comportamos diante dunha determinada máquina. “O fenómeno Big Data”, dixo, “estase a facer xa de calquera operación ou actividade que levemos a cabo coas novas tecnoloxías dixitais”.
O resto do programa
Polo que atinxe ao resto de relatorios, sinalar que logo da pausa para o café (arredor das 12.30) está previsto que os responsábeis directos de OpenRov amosen os seus detalles e funcionalidades. Trátase, como lembraremos, dun robot subacuático económico e de código aberto para exploración e educación. Ademais, OpenRov designa unha comunidade de exploradores oceánicos profesionais e afeccionados, e de apaixonados pola tecnoloxía con sede en California e con delegación en España.
Xa pola tarde, os impulsores de iCarto explicarán o seu desenvolvemento de sistemas de información xeográfica mediante SIX, empregados hoxe por exemplo por Enxeñeiros sen Fronteiras para a localización de auga. Anubia, que ofrece solucións na nube, falará dos beneficios da implantación dun ERP de código aberto para negocios a través dun desenvolvemento propio e adaptado.
Pechará o evento Juan Freire, falando de futuros, proxectos e novos equipos de profesionais para que os devanditos proxectos sexan unha realidade.

PUBLICIDADE