Os encargados europeos de facer doada a Internet das Cousas xúntanse na Coruña
luns, 1 de outubro do 2018
Esta
semana temos na Coruña unha nova cita co noso espírito innovador: a
arela creativa que dá forma cada segundo ao noso progreso
tecnolóxico. Estamos a falar da xuntanza de traballo do proxecto
BRAIN-IoT que, como se indica no nome da iniciativa, abrangue
novidades relacionadas co enxeño e o pensamento, por unha banda, e
coa Internet das Cousas, pola outra (IoT é o acrónimo de Internet
of Things). As sesións desenvolveranse entre mañá e o xoves,
sendo o seu intre álxido este 3 de outubro (nas instalacións de
EMALCSA na Casa da Auga ás 12.30 horas), coa participación do
alcalde, Xulio Ferreiro.
Concorrerán
nas xuntanzas representantes das universidades, empresas e
asociacións que están a participar no proxecto, unha iniciativa
impulsada por fondos europeos FEDER (5 millóns de euros) e na
que traballan entidades de España, Italia, Francia, Alemaña e
Inglaterra, buscando un alicerce tecnolóxico común, unha linguaxe
doada e segura, para os dispositivos autónomos.
A
cita vén da man EMALCSA e da empresa tecnolóxica local Improving
Metrics, da que falamos recentemente en Código Cero para informar
dos interesantes resultados dunha
xeira colectiva de traballo na que se mediu o nivel de implicación
dos participantes (o público) e mailo custo do evento polos seus
sorrisos.
En
BRAIN-IoT toman parte activa compañías internacionais como Siemens
(Alemaña), Airbus (Francia), o Instituto Superior Mario Boella
(Italia), Paremus (Inglaterra), STMicroelectronics (Suíza), IDATE
Digiworld (Francia), a Universidade de Grenoble (Francia), Robotnik
(España), o Comisariado para a Enerxía Atómica e as Enerxías
Alternativas CEA Tech (Francia) e a Fundación Eclipse Europa.
As
xuntanzas serán na devandita Casa da Auga e nelas están presentes
máis de 20 investigadores ingleses, franceses, alemáns, españois e
italianos, membros das empresas que colaboran no proxecto.
A
intención deste encontro é profundar nas actividades do proxecto
chamado BRAIN-IoT, que amais de aludir no seu nome á intelixencia
humana e á artificial, tamén é o acrónimo (en inglés) de Modelo
Baseado en Framework para a Detección Confiábel e a
Actuación en Sistemas da Internet das Cousas (IoT) Descentralizados
e Intelixentes.
Segundo
informa Improving Metrics, trátase “dun proxecto ambicioso, que
busca desenvolver unha metodoloxía para que distintas plataformas
conectadas a Internet poidan traballar xuntas dun modo
descentralizado, compatíbel e dinámico”. É dicir, procúrase
unha solución para facer que varios dispositivos autónomos (drons,
sensores, sistemas de monitoraxe e seguimento...) colaboren entre si
e compartan información “dun modo sinxelo e seguro, a través de
estándares abertos”.
A
empresa galega Improving Metrics participa na investigación e
desenvolvemento dos elementos de Intelixencia Artificial e analítica
de datos, ademais de encargarse da dirección de calidade do
proxecto. A participación de EMALCSA, pola sua banda, baséase no
estudo de escenarios, as probas de concepto en colaboración co
CITEEC da UDC, e a aplicación destas tecnoloxías ás
infraestruturas críticas.