Os subscritores de Prime reciben o xogo dos Gardiáns da Galaxia en novembro

luns, 4 de novembro do 2024 Marcus Fernández

Os subscritores de Amazon Prime recibirán un completo catálogo de xogos durante o mes de novembro, que se incorporarán ás súas coleccións en distintas plataformas de xogo para PC, á vez que tamén contarán cunha interesante oferta de títulos dos que poder tirar proveito mediante streaming a través do servizo Amazon Luna.
O primeiro xogo a recibir no mes é o reputado Marvel’s Guardians of the Galaxy (na Epic Games Store) xunto co tamén aclamado Mafia: Definitive Edition (en GOG), aos que seguirán o 7 de novembro varios xogos entre os que destacamos Dishonored – Definitive Edition (en GOG) e Disney Pixar Cars (na aplicación de Amazon Games). A seguinte data de recepción de novos xogos sería o día 14, con títulos como Tomb Raider: Anniversary (en GOG) e Blade of Darkness (en GOG). O día 21 chegarían, entre outros, Max: The Curse of Brotherhood (en Amazon Games), Overcooked: Gourmet Edition (en GOG) e Super Meat Boy (na tenda de Epic Games). Completarase o mes o día 27 con varios xogos entre os que destacaría especialmente Jurassic World Evolution (na tenda de Epic Games).
Entre os xogos dispoñibles a través de Amazon Luna podemos destacar xogos como Saints Row: The Third – Remastered e Moving Out, mentres se manteñen xogos como Fallout 3: Game of the Year Edition, Fallout New Vegas: Ultimate Edition, XDefiant, Fortnite e Trackmania, garantindo así moitas horas de diversión sen custo adicional.

Este mes tamén hai numerosos xogos dispoñibles a través de Amazon Luna