Os televisores OLED EX de LG incrementarán o brillo un 30%

mércores, 29 de decembro do 2021 Marcus Fernández

Nun momento no que no mercado hai diferentes tecnoloxías de pantalla aspirando a competir coas pantallas OLED, dende LG Display desvelan a súa nova tecnoloxía para televisores OLED chamada OLED EX, que permitiría incrementar o brillo até un 30% con respecto aos televisores OLED convencionais.
O nome da tecnoloxía EX vén de Evolution e eXperience, representando o obxectivo de LG de achegar unha tecnoloxía OLED evolucionada, ofrecendo uns negros perfectos, unhas cores ricas e precisas e un tempo de resposta moi rápido. A tecnoloxía EX aplicada ás pantallas consiste na combinación de compostos de deuterio (o que incrementa a forza da iluminación de cada píxel) e algoritmos personalizados para mellorar a estabilidade e eficiencia dos OLED.
Coa incorporación de OLED EX os televisores OLED 65 polgadas de LG tamén reducen o grosor dos seus marcos, que pasarían de 6 a 4 milímetros, ou sexa, que de xeito xeral as pantallas OLED EX conseguen reducir un 30% o grosor dos seus marcos, conseguindo unha aparencia máis elegante.
Os primeiros televisores OLED EX de LG iniciarán a súa produción en masa no segundo trimestre de 2022.

PUBLICIDADE