Os televisores conectados de LG abren a porta aos xogos mediante streaming

mércores, 2 de marzo do 2016 Marcus Fernández

LG anunciou hoxe a incorporación da aplicación de GameFly aos seus Smart TV que funcionen con webOS, de xeito que esta plataforma de videoxogos mediante streaming (sorprendentemente dispoñible dende España) achégase a televisores dunha marca máis (até o momento era exclusiva de Samsung), facilitando o uso de xogos no salón sen ter que adquirir unha consola de videoxogos, sendo preciso só conectar a un dos televisores compatibles un mando como o Logitech F310, o Logitech F710 ou os mandos con cable de Xbox.
Concretamente os televisores de LG que poderán gozar da aplicación de streaming de xogos de GameFly serán os que cheguen durante este ano con webOS 3.0 e os que saíron o ano pasado con webOS 2.0, chegando esta aplicación aos mesmos a través da aplicación que se distribuirá no mes de abril.
Para poder gozar de GameFly precisaremos dunha conexión á Internet cunha velocidade mínima de 5 Mbps, aínda que para conseguir gráficos de alta definición é preciso contar cun mínimo de 8,5 Mbps, sendo o máis recomendable conectar o televisor á rede por cable a unha conexión de 10 Mbps, aínda que o servizo funciona tamén con conexións Wi-Fi N na banda dos 5 GHz.
Esta plataforma en liña conta con xogos como Tom Raider, Batman: Arkham Origins, F.E.A.R. 3, Darksiders, Red Faction Armageddon, LEGO Batman 3, WRC4 ou Sleeping Dogs, ofrecéndose os xogos en lotes a prezos bastante axustados que resultarán interesantes para xogadores ocasionais que non queiran gozar dos últimos lanzamentos, e confórmense con xogos de hai varios anos.

PUBLICIDADE