Os televisores de LG activarán automaticamente o Filmmaker Mode en Prime Video

venres, 29 de outubro do 2021 Marcus Fernández

Os televisores máis modernos contan cunha moi agardada opción chamada Filmmaker Mode na que se desactivan as numerosas supostas optimizacións da imaxe que aplican os televisores provocando que moitas producións cinematográficas se vexan unha nitidez e velocidade tal que parezan telenovelas. Este modo que facilita que as producións de cine e televisións se vexan como se filmaron orixinalmente non é aínda moi coñecido polos usuarios, e para facelo máis accesible dende LG comezan esta semana a distribución dunha actualización entre os seus Smart TV 4K e 8K lanzados en 2020 e 2021 (concretamente os que funcionan con webOS 5.0 e 6.0) que fai que durante o uso da aplicación de Prime Video o Filmmaker Mode se active de xeito automático, garantindo así que vexamos os contidos como é debido.
Non sería de sorprender que nos vindeiros meses reciban o mesmo tratamento outras aplicacións de vídeo baixo demanda por parte de LG e doutros fabricantes, xa que a fidelidade de reprodución dos contidos audiovisuais é algo que agradecerán moitos consumidores que en ocasións ven como a compra dun televisor moderno estraga a experiencia de visualización de numerosas series e películas, chegando a marear ou simplemente ofrecendo unha imaxe que se percibe como falsa.
Que LG comezase a aplicar o Filmmaker Mode con Prime Video ten certo sentido, xa que os mandos de moitos dos seus televisores inclúen un botón de atallo para acceder a tal servizo, e facer que o seu uso sexa máis satisfactorio tradúcese nunha mellor experiencia xeral dos seus produtos.

PUBLICIDADE