Os últimos reloxos de Samsung por fin permiten medir a tensión arterial e facer electrocardiogramas

luns, 22 de febreiro do 2021 Marcus Fernández

Os últimos reloxos conectados de Samsung están a recibir a partir de hoxe mesmo unha actualización para activar prestacións que estaban pendentes de recibir autorización das autoridades sanitarias europeas, ou sexa, que os usuarios de smartwatches Galaxy Watch Active2 e Galaxy Watch3 poden gozar por fin da función de electrocardiograma e medición da tensión arterial.
A información rexistrada mediante estas funcionalidades intégrase na aplicación de Samsung Health Monitor que, aínda que advirten reiteradamente que a información é só orientativa e non busca substituír a medicións con dispositivos clínicos nin a consultas médicas, pode resultar de grande utilidade para facer un seguimento da nosa saúde.
No caso da tensión arterial, que é a funcionalidade máis innovadora, o reloxo precisa dunha calibración mensual cun tensiómetro tradicional, pero supón un grande avance para moitos usuarios, xa que a medición da tensión non resulta molesta, o que fai máis doado establecer un hábito de monitorización e así poder consultar logo os históricos almacenados no móbil para comprobar a evolución da tensión arterial e do pulso ao longo do tempo.

PUBLICIDADE