Os últimos televisores de LG gozarán do Asistente de Google

martes, 8 de maio do 2018 Marcus Fernández

Durante a pasada edición do CES de Las Vegas, LG adiantou que os seus televisores con intelixencia artificial integrada lanzados este ano integrarían o Asistente de Google, incluíndo os televisores LG OLED e os da gama LG Super UHD con ThinQ AI, e hoxe confirman o inicio da activación nos televisores 4K, facilitando así que poidan tirar proveito de ordes de voz para controlar o televisor e reproducir contido, así como para acceder a información ou controlar distintos dispositivos de domótica.
Pese a que os televisores de LG funcionen con webOS, LG colaborou con Google para permitir que o Asistente de Google poida operar como unha plataforma aberta, facendo a vida máis doada para os usuarios, que tanto poderán cambiar de canle mediante unha orde oral como realizar accións máis complexas como conectar a unha barra de son ou instar a que o televisor se apague automaticamente ao rematar o programa actual.
O inicio da activación do Asistente de Google nos televisores de LG comeza agora en EE.UU. e nas vindeiras semanas producirase tamén en Europa.

PUBLICIDADE