Os últimos xogos de Resident Evil fracasan na súa versión móbil

luns, 2 de setembro do 2024 Marcus Fernández

Hai un ano, ao presentarse en sociedade os iPhone 15 Pro e 15 Pro Max, destacábase o feito de que a súa potencia facía posible correr no móbil as versións completas de xogos como Resident Evil Village e Resident Evil 4, aos que logo sumaríase Resident Evil 7, títulos que veñen de actualizarse cun cambio que está a provocar que moitos usuarios estean a pedir a devolución do produto, xa que a partir de agora é preciso contar con conexión á Internet para iniciar estas aplicacións.
Dende Capcom non deron explicacións sobre a motivación desta impopular medida, moi pouco comprensible para xogos que non teñen compoñente en liña, e que en moitos casos corren en iPad, dispositivo que normalmente non goza dunha conexión á Rede constante (como si é habitual cun móbil).
Sospéitase que estamos ante medidas contra a piratería (pese a que practicamente non exista na plataforma de Apple), pero o que quedou claro é que este cambio de política por parte da compañía responsable destes lanzamentos fixo a atención se fixase no mal resultado económico que tiveron estes xogos, polo que parece pouco probable que outros estudios realicen o esforzo de adaptar os seus xogos para plataformas móbiles de Apple, por non conseguir o retorno do investimento realizado.
Concretamente aseguran que Resident Evil 7 para iOS non tería chegado aos dous milleiros de unidades vendidas, o que sería un rotundo fracaso; mentres que Resident Evil 4 tería vendido unhas 7.000 copias e Resident Evil Village unhas 5.750. Estamos ante uns volumes de vendas ridículos, que para nada xustifican a adaptación dun grande titulo a pantallas táctiles e a procesadores Apple Silicon, constatando que se un usuario quere unha experiencia de xogo de consola non adquire unha copia para un dispositivo móbil.
Outro xogo de consola que se adaptou aos dispositivos de Apple foi Assassin’s Creed Mirage, que tería vendido menos de 3.000 copias, polo que podemos entender que Ubisoft non confiará nunca máis na plataforma móbil para os seus lanzamentos de xogos de consola.