Ourense lanza unha convocatoria para incorporar 20 tecnólogos ao Centro de Intelixencia Artificial

martes, 30 de marzo do 2021 S. P.

O Concello de Ourense anunciou que vai incorporar 20 científicos ao seu Centro de Intelixencia Artificial (CIA), e con este obxectivo abriu unha convocatoria para permitir ás persoas interesadas acceder a estas prazas: 17 para enxeñeiros sénior de datos e software, e tres para técnicos de software e de sistemas. Gonzalo Pérez Jácome, alcalde da cidade, explicou que a nova medida forma parte do paquete de iniciativas para situar Ourense na vangarda tecnolóxica mundial ao tempo que se fortalece o proxecto do CIA.
Segundo engadiu, a convocatoria redundará nun pulo “aos traballos científicos e de investigación na nosa cidade”.
As persoas interesadas en incorporarse ao proxecto poderán presentar as súas solicitudes até o día 9 de abril. O Concello elaborará unha listaxe de persoas interesadas en incorporarse ao centro como funcionarios interinos para desempeñar estes postos. As bases e a convocatoria están dispoñíbeis no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello de Ourense, e na páxina web do Concello.
Requisitos
Para optar as prazas de enxeñeiro sénior de datos é preciso estar en posesión do título de Grao en Enxeñería Informática, Enxeñería Industrial, Enxeñería de Telecomunicacións, Física, Matemáticas, Matemáticas e Informática, Enxeñería do Software, Enxeñería de Computadores, Sistemas de Información, Tecnoloxías para a Sociedade da Información, Estatística e Enxeñería Informática ou calquera outra titulación de grao que, atendendo ao seu contido curricular, permita acreditar coñecementos técnicos suficientes para a realización das funcións do posto.
Para as prazas de técnicos de software, deben estar en posesión do título de formación profesional de grao medio de Técnico en Sistemas Microinformáticos e Redes, ou Técnico en Explotación de Sistemas Informáticos, ou equivalente.

PUBLICIDADE