PCTV picoStick leva a TDT ao PC nas súas mínimas dimensións
xoves, 17 de setembro do 2009
Aproveitando a
celebración da feira PlayBite 2009
en Londres presentaron a sintonizadora de televisión PCTV picoStick, que aseguran
que é o sintonizador de Televisión Dixital Terrestre para PC máis cativo do
mundo (o seu encapsulado ten un ancho de 12 milímetros e unha
lonxitude de 35 milímetros), e que chegará ás tendas británicas a vindeira
semana por
44,99 libras esterlinas (49,09 euros).
O reducido tamaño do PCTV
picoStick convérteo nun accesorio ideal para ordenadores ultraportátiles,
resultando tamén práctico para conectalo a equipos que teñen varios portos USB xuntos
(grazas a que coas súas dimensións non ocupa os portos veciños coma fan outros dispositivos semellantes).
Esta sintonizadora de televisión non só serve para a TDT actual, senón que
tamén está preparada para a de alta definición (sempre que a conectemos a un
ordenador coa suficiente potencia), é compatible con Windows Media Center,
inclúe a solución software TVCenter 6 que facilita a recepción de televisión, o
uso de timeshift, a gravación en
MPEG-1/2 e DivX e mesmo a consulta da guía electrónica da programación (EPG) e
do teletexto.