PLC aplicado á distribución doméstica de contidos multimedia

mércores, 25 de agosto do 2010 Marcus Fernández

A distribución de contidos en rede no fogar a través de tecnoloxía sen fíos é algo bastante habitual, pero coa chegada da alta definición a reprodución de vídeos en remoto convértese nun problema difícil de solucionar, posto que as conexións Wi-Fi non achegan a velocidade e estabilidade suficiente a certa distancia, de aí que aparezan solucións alternativas coma o PLC, que aproveita o cableado eléctrico dos domicilios para transmitir datos. Nesta liña Western Digital vén de anunciar o seu WD Livewire, unha solución que facilita a conectividade de rede a través da instalación eléctrica, pensando especialmente nos seus reprodutores WD TV, aínda que tamén pode empregarse simplemente para copiar ficheiros, xogar en rede ou acceder á Internet.
O kit de rede de audio e vídeo WD Livewire está composto por 2 adaptadores PLC con 4 portos Ethernet cada un, o que facilitaría a conexión de ata 7 dispositivos adicionais a un router. Esta solución permite comunicacións de ata 200 Mbps, o que permitiría a recepción dun fluxo de vídeo en alta definición en varios dispositivos á vez sen problema, evitando as incomodidades dunha instalación de rede física (instalar o WD Livewire é tan doado coma enchufar unha lámpada) e os problemas de distancia e estabilidade dunha rede Wi-Fi.
O prezo desta nova solución PLC é de 129 euros.

PUBLICIDADE