Pablo Fernańdez visita o coliving de Anceu e certifica a aposta galega polos nómades dixitais
xoves, 5 de setembro do 2024
O coliving de Anceu, en Ponte Caldelas, recibiu esta mañá a visita do secretario xeral de Emprego, Pablo Fernández. Neste espazo innovador de traballo alóxanse ao longo de dúas semanas as persoas seleccionadas (unha vintena) ao abeiro da iniciativa Fixar, da Asociación Sende, sendo o seu obxectivo crear un proxecto piloto de formación e convivencia profesional de nómades dixitais e fixar poboación no rural. O coliving de Anceu compleméntase cos coliving de iSlow (Laxe) e Sende (Lobeira), onde reciben mentoring dous grupos dunha vintena de persoas cada un.
Estas persoas participantes foron escollidas das catro provincias, con proxectos multidisciplinares relacionados con eidos como os da cultura, a informática a educación, a arquitectura, a comunicación, a artesanía ou o medio ambiente. Boa parte delas (entre as que se atopan galegos retornados ou estranxeiros afincados na nosa comunidade) residen en cidades e teñen interese en asentarse no rural galego, ademais de predisposición por dar un xiro ás súas traxectorias profesionais.
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra. Fernández mantivo un encontro con implicados na iniciativa Fixar na que participarán un total de 60 persoas seleccionadas, que continúan neste mes de setembro a gozar das estadías de 15 días contempladas tanto en Anceu como nos coliving de Sende (Lobeira) e ISlow (Laxe).
Tal e como apuntou Pablo Fernández, trátase da primeira actuación destas características que promove a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración xunto con Sende, entidade que xestiona no concello ourensán de Lobeira o primeiro espazo coliving de Europa e que conta con ampla experiencia neste ámbito.
Deste xeito, o Goberno galego quere “avanzar na súa aposta polo emprendemento no rural e na creación de comunidade na Galicia non urbana a través de espazos de experimentación para novos negocios ligados ao territorio e nos que os emprendedores poidan testar os seus produtos ou servizos”. Unha aposta que vén de ser recoñecida co premio á Rexión Emprendedora Europea 2025.
Fases de Fixar
No marco do proxecto Fixar traballarase coa comunidade en tres fases. A primeira artéllase a través das estadías que xa comezaron, nas que os participantes afondarán no espírito e na filosofía do coliving rural, recibirán mentoring, construirán a súa rede e traballarán en impulsar os seus negocios. Búscase “conxugar as oportunidades que ofrecen estes espazos co compromiso comunitario, coa tecnoloxía e cos beneficios do rural galego”, informou Fernández.
Na segunda fase proporciónase apoio continuo a esta comunidade a través dun grupo especial en liña para axudalos en aspectos relacionados coa vida na aldea. A terceira fase consistirá en organizar xuntanzas presenciais cada mes, permitindo que os 60 participantes se encontren e fortalezan o sentido de comunidade.