Pack de instrumentos para Wii Music

martes, 2 de decembro do 2008 Marcus Fernández

Pese a que o xogo Wii Music estea a decepcionar en vendas (está moi lonxe do éxito que acadou Wii Fit hai un ano) iso non impide que algúns fabricantes busquen tirar proveito do xogo, e ezGear decidiu lanzar un completo pack de instrumentos encaixables ao mando da Wii que, pese a que son innecesarios para xogar, mellora a experiencia de xogo somerxendo máis ao usuario e facendo de Wii Music un título máis divertido, aínda que para iso hai que gastar os 29,99 dólares que custan estes accesorios.
O ezGear MusicPack inclúe accesorios para converter o mando da Wii nun violín, unha baqueta, unha batuta ou un saxofón, chegando ás tendas durante este mes, aínda que o seu éxito dependerá moito das vendas de Wii Music, produto que presenta unha dinámica de xogo moi diferente ao dos títulos musicais actuais (coma Guitar Hero ou Rock Band) polo que podería non chegar a despuntar.

PUBLICIDADE