Palm, o ultramóbil que substitúe ao noso smartphone en viaxes e aventuras, chega ás tendas de Vodafone
mércores, 28 de novembro do 2018
Vodafone
España achega esta semana unha relevante novidade ao mercado
estatal. Trátase
de Palm, o novo dispositivo ultramóbil que se conecta con Vodafone
OneNumber, converténdose nun complemento do noso móbil
intelixente empregábel co número de teléfono deste, coa mesma
experiencia que este pon en xogo e con idénticas prestacións para
compartir voz, mensaxes e datos cá tarifa actual que teñamos
contratada. O aparello, amais, salienta por combinar, en palabras da
operadora, “os mellores elementos de conectividade dos wearables
e os smartphones”.
A
operadora tamén destaca de Palm as súas capacidades de smart
e o seu reducido tamaño (ten a dimensión e a feitura dun cartón de
crédito), deseñado “como o compañeiro perfecto do móbil para
que os usuarios poidan estar sempre conectados, sen levar o seu
smartphone consigo”. Amais, é especialmente axeitado para
carrexalo nos nosos desprazamentos en bicicleta, para levalo como
colgante ou ben no peto do noso abrigo ou mochila.
Outro
dos puntos fortes do aparello é a marxe de personalización que
achega: é acaído para carreiras matutinas, para escapadas de fin de
semana ou para saídas nocturnas con amigos. As súas funcións
intelixentes como o Modo Vida permiten ademais eliminar as
distraccións ao silenciar as chamadas e notificacións cando a
pantalla está apagada (agás que esteamos a realizar unha chamada,
escoitando música ou utilizando o GPS). Cando se acende a pantalla,
Palm vólvese a conectar completamente.
Palm
dispón do sistema operativo Android e é compatíbel con todas as
aplicacións de Google Play. Vodafone salienta igualmente que está
deseñado cunha “innovadora pantalla de inicio” concibido para
que acceder ás nosas aplicacións favoritas sexa o máis práctico
posíbel.
Por
certo que o dispositivo é resistente ao po e á auga e incorpora
dúas cámaras, unha traseira de 12 megapíxeles e unha frontal de 8
megapíxeles. Palm tamén pode desbloquearse mediante recoñecemento
facial e actívase por voz co asistente de Google, o que lle permite
reproducir música, crear eventos, responder a mensaxes de texto e
obter rutas de navegación só coa voz.
Palm
estará dispoñíbel en cor negra na tenda online de Vodafone
e nos seus establecementos físicos a partir do 10 de decembro cun
prezo libre de 410 euros.