Palm podería volver ao mercado cun teléfono de reducidas dimensións

venres, 10 de agosto do 2018 Marcus Fernández

Imaxe filtrada de como sería o Palm Pepito

No seu día a marca Palm era todo un referente dentro dos dispositivos coñecidos como PDA, que rematarían véndose eclipsados polos smartphones, e aínda que a compañía procurou reconverterse e lanzou terminais tan interesantes como o Palm Pre (que foi un dos móbiles pioneiros na carga sen fíos), a marca desaparecera en 2011 ao ser absorbida por HP, de aí que sorprenda que agora pretendan recuperala.
TCL é o fabricante chinés que actualmente posúe a marca Palm, e segundo Android Police, en breve lanzaría un novo móbil coñecido polo momento co nome chave de Pepito, e sería un dos terminais máis raros en moito tempo, xa que, en vez de incorporar novidades, semella unha viaxe ao pasado, ao presentar unha pantalla de só 3,3 polgadas (con resolución 720p), procesador Qualcomm Snapdragon 435, 3 GB de RAM, 32 GB de almacenamento e unha batería de só 800 mAh, que curiosamente correría con Android 8.1. Ao parecer, este smartphone estaría a pasar a certificación das autoridades norteamericanas, de xeito que venderíase inicialmente a través de Verizon nos EE.UU., sen coñecerse plans de distribución internacional. Quedará oco no mercado para un teléfono que só destaca por ter un tamaño compacto cando o público demanda principalmente grandes pantallas?

PUBLICIDADE