Panasonic presenta novos portátiles orientados ao seu uso en talleres de vehículos

venres, 13 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

Atendendo á demanda de equipos informáticos resistentes para o seu uso en exteriores e en contornos industriais ou simplemente moi agresivos Panasonic ten unha completa gama de portátiles Toughbook dos que veñen de desvelar un novo integrante, o Toughbook CF-54, que é un equipo semirresistente con pantalla de 14 polgadas e sistema operativo Windows 8.1 que poderiamos considerar como un equipo todoterreo, pero que foi deseñado pensando nun contorno moi concreto: o sector de diagnose de vehículos e servizos de talleres especializados.
Estamos así ante uns portátiles a proba de balas, pero que como contrapartida ofrecerían unhas dimensións máis comedidas e un peso máis lixeiro, chegando en diversas configuracións moi potentes para un equipo deste tipo.
Por unha banda teremos un modelo básico, con pantalla de 14 polgadas cunha resolución de 1.366 x 768 píxeles (que pesa 1,99 quilos e ten un grosor de 29,8 milímetros), mentres que o modelo superior chega cunha pantalla IPS de 14 polgadas cunha resolución de 1.920 x 1.080 e opción táctil (pesando o equipo 2,1 quilogramos e presentando un grosor de tamén 29,8 milímetros.
Entre as prestacións comúns de ambos modelos temos un potente procesador Intel Core i5-5300U vPro, 4 GB de RAM (ampliable até 16 GB), disco duro de 500 GB ou SSD de 128/256 GB, 3 conexións USB 3.0, 1 HDMI, 1 conexión LAN, 1 lector de tarxetas SD, un espazo configurable (no que podemos instalar un DVD, unha segunda batería, un lector de smartcards ou unha PC Card), un porto configurable (entre LAN, d-GPS, USB 2.0 e USB resistente), opcións VGA e 4G e unha batería cunha autonomía de até 11 horas que pode cambiarse en quente e que cunha segunda batería podería conseguir unha autonomía total de até 18 horas.
Uns equipos realmente interesantes que sairá á venda a finais de mes a prezos que estarían entre as 1.142 e as 1.662 libras esterlinas (sen impostos), ou sexa, entre 1.544 e 2.248 euros aproximadamente.

Pese a ser equipos semirresistentes, son bastante delgados e lixeiros

PUBLICIDADE