Panasonic presenta un tablet convertible para educación

luns, 30 de xuño do 2014 Marcus Fernández

Para levar ordenadores ao mundo da educación realizáronse diversidade de achegas nos últimos anos como ordenadores portátiles de baixo custo ou portátiles resistentes, e combinando ambos tipos de produto Panasonic quere distribuír agora nos centros de ensino o E3, un equipo deseñado coa colaboración de Intel Education e Microsoft, que vén a ser un tablet convertible, que inclúe tanto teclado con touchpad (que pode separarse da pantalla) como lapis dixitalizador, converténdose nun sistema moi versátil, que incluso goza dunha grande resistencia (IP51) de xeito que soportaría caídas (até dende 70 centímetros de altura) ou derrames de líquidos que estragarían un ordenador portátil ordinario.
O Panasonic E3 funciona cun procesador Intel Atom Z3740D de catro núcleos a 1,3 GHz, 2 Gb de RAM, 32/64 Gb de almacenamento interno, gráfica Intel HD, pantalla táctil IPS de 10 polgadas cunha resolución de 1.366 x 768 píxeles, Bluetooth 4.0, NFC opcional, conectividade LTE opcional, 1 porto USB 3.0 na pantalla, un porto USB 2.0 no teclado, un lector de tarxetas microSD, saída micro HDMI, un sensor térmico para poder axudar para o uso do equipo no laboratorio e incluso unha lente de aumento para converter a cámara traseira de 5 Mpíxeles nun microscopio, cámara frontal de 1,26 Mpíxeles, Wi-Fi N, e batería de 7.600 mAh (que achegaría unha autonomía de 8 horas, o que sería suficiente para unha xornada completa de aulas). O tablet ten un grosor de 11,6 milímetros e un peso de 683 gramos, mentres que se conectamos o teclado teremos un grosor total de 27,8 milímetros e un peso de 1.173 gramos.
Polo momento este equipo limitará a súa distribución aos EE.UU., pero non sería de sorprender que durante o vindeiro curso chegue a algún centro educativo español a través dalgunha proba piloto.

O novo equipo de Panasonic goza de grande versatilidade, podendo funcionar como tablet, portátiles e equipamento de laboratorio

PUBLICIDADE