Panasonic presenta unha nova cámara-smartphone

luns, 15 de setembro do 2014 Marcus Fernández

Para os usuarios que entre dan máis importancia a unha boa cámara que a un bo smartphone Panasonic presenta a súa nova LUMIX Smart Camera CM1, unha cámara de 20 Mpíxeles capaz de gravar vídeo a 4K, que conta con prestacións propias dun smartphone, xa que funciona con Android 4.4, un procesador de 4 núcleos a 2,3 GHz, 2 Gb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 128 Gb), conectividade Wi-Fi, LTE, Bluetooth e NFC e cunha pantalla Full HD de 4,7 polgadas (que tamén se agradece para unha boa previsualización das imaxes capturadas).
Esta nova cámara non só presume dos 20 Mpíxeles do seu sensor, senón que tamén destaca polo seu tamaño (1 polgada, que é o tamaño propio das cámaras compactas), e aínda que pareza presumir dunhas boas especificacións (aínda a súa batería de 2.600 mAh está bastante por enriba da media dos smartphones con pantalla de 4,7 polgadas) non podemos esquecer que estamos ante unha cámara, polo que o seu grosor de 21 milímetros e o seu peso de 204 gramos non o fan un produto apto para todo tipo de usuarios.
Polo momento só está previsto o seu lanzamento en Francia e Alemaña no mes de novembro a un prezo de 899 euros.


Vídeo de presentación da nova cámara smart de Panasonic

PUBLICIDADE