Panasonic volve a Europa cun móbil elegante e resistente

mércores, 22 de febreiro do 2012 Marcus Fernández

Tras un longo período de ausencia, Panasonic vai volver ao mercado europeo de teléfonos móbiles pola porta grande, co seu novo móbil ELUGA, que presume dunha pantalla OLED de 4,3 polgadas cunha resolución de 960 x 540 píxeles, cámara de 8 Mpíxeles con enfoque automático, tamaño compacto (123 x 62 x 7,8 milímetros), peso moderado (103 gramos), NFC e, o máis rechamante, resistencia ao po e á auga (con certificación IP57 que garante o seu bo funcionamento tras pasar 30 minutos somerxido na auga a 1,5 metros de profundidade).
Este novo terminal vai chegar ás tendas en marzo, contará inicialmente co sistema operativo Android 2.3 actualizable a Android 4.0 (posiblemente a partir do verán), un procesador de dobre núcleo a 1 GHz, 1 Gb de memoria RAM e 8 Gb de almacenamento interno, Bluetooth 2.1, Wi-Fi N, GPS e batería de 1.150 mAh que permítelle aguantar ata 240 minutos en conversa en 300 horas en espera. Unha interesante proposta que parece mesturar con bastante fortuna un deseño elegante a un terminal resistente do que Panasonic agarda vender 1,5 millóns de unidades no vindeiro ano fiscal.


Repaso en vídeo das características do Panasonic ELUGA

PUBLICIDADE