Panda pon ao descuberto o mercado negro do cibercrime

venres, 21 de xaneiro do 2011 Raquel Noya

PandaLabs, o laboratorio antimalware de Panda Security, non desiste na súa teima de frear a actividade delictiva que ten lugar en Internet e, desta volta, vén de descubrir unha vasta rede de venda de datos bancarios roubados, operada polo que deron en chamar cibercriminais, que conta con ata 50 tendas online ás que só se pode acceder mediante o contacto previo persoal cos hackers encargados da súa promoción en foros e chats.
O chamado mercado negro do cibercrime, que tradicionalmente centraba a súa actividade na distribución de números de tarxetas bancarias roubadas a usuarios de todo o mundo e credenciais de acceso a banca en liña, diversificou o seu negocio en 2010, ofrecendo dende entón todo un abano de produtos e servizos.
Agora, segundo informan dende PandaLabs (a través dun estudo dispoñible en Internet), os datos bancarios van acompañados dunha longa listaxe de datos persoais do titular da tarjeta ou conta, cos que, loxicamente, “pódese operar de maneira máis veraz”.
Este tipo de delincuentes que operan virtualmente, ofrecen estes datos por prezos que oscilan entre 2 e 700 dólares, dependendo se o comprador quere garantía de diñeiro existente en liña de crédito ou tan só a tarxeta de crédito sen información adicional nin garantía de saldo.
Os prezos tamén varían se o cliente desexa mercar datos de acceso a contas creadas e con historial de tendas online ou a sitios de pasarelas de pago, como PayPal. Neste caso, para unha conta simple sen saldo verificado, habería que pagar uns 10 dólares, cantidade que se incrementa ata os 1.500 dólares dependendo da plataforma e a garantía de diñeiro dispoñible.
Asemade, este tipo de ciberdelincuentes teñen á venda máquinas duplicadoras de tarxetas físicas, falsos caixeiros automáticos ou tarxetas bancarias xa duplicadas fisicamente e listas para seren empregadas.
Porén, para completar o servizo, este tipo de negocio en liña ofrece a posibilidade de branqueo de diñeiro a cambio de comisións que poden ir dende o 10 ata o 40 por cento total da operación.
Vemos pois que, ao igual que calquera outro negocio legal, o mercado negro tamén se rexe pola lei da oferta e a demanda e neste caso, incluso ofrece ingredientes que calquera cliente do mercado legal agradecería á hora de facer unha compra: posibilidade de probar os produtos antes de mercalos, garantía do material, devolución dos cartos se non se queda satisfeito, cambio de artigos que non convencen… iso sí, o pago sempre se fai por adiantado e empregando como forma de pago compañías de envío de diñeiro, como Western Union, Lyberty Reserve, WebMoney ou similares.

PUBLICIDADE