Pang Adventures estréase en Xbox One, PS4, PC e Android

martes, 19 de abril do 2016 Marcus Fernández

Durante a pasada París Games Week a xente de DotEmu dábanos a grande nova de que estaban a preparar o xogo Pang Adventures, o retorno dunha franquía que causara furor nos salóns recreativos nos anos 90 e que agora volve cunha estética e mecánicas de xogos que lembran a Pang e Super Pang, pero cuns gráficos debuxados dende cero, o que fai que o novo título sexa agradable de ver en pantallas de alta definición.
Dende hoxe é posible adquirir Pang Adventures para PlayStation 4 por 16,99 euros, mentres que a versión para Xbox One ofrécese por 9,99 euros, como a versión para PC en Steam (que até o día 25 ten un 10% de desconto). O xogo permítenos percorrer o mundo a través de máis dun cento de niveis con cadanseus trucos e peculiaridades e que poden superarse de xeito individual ou no divertido modo cooperativo local (no que os dous irmáns protagonistas traballarán ombro con ombro para vencer ás bolas de ataque que caen do ceo).
Pang Adventures teñen tres modos de xogo distintos: Modo Tour (que convídanos a xogar percorrendo os seus niveis un a un), Modo Puntos (retándonos a salvar o mundo con 3 vidas e ningunha continuación) e Modo Pánico (no que haberá que enfrontar 99 niveis de batalla continua, só apto para os máis hábiles).
Como nos xogos clásicos, os irmáns Pang poderán mellorar o seu equipamento para disparar metralletas, lanzachamas, estrelas ninja... e como primeira vez na saga, o xogo contará con xefes finais aos que haberá que esnaquizar para que non completen a súa invasión á Terra.
O xogo tamén conta cunha versión para Android, que está á venda por só 2,99 euros e como principal carencia ten a evidente ausencia do modo multi-xogador local.

Tráiler de lanzamento de Pang Adventures

PUBLICIDADE