Parrot presenta un novo drone con capacidades profesionais

luns, 12 de maio do 2014 Marcus Fernández

Parrot deu un interesante paso en 2010 ao estrear o AR.Drone, un pequeno vehículo voador teledirixido que integraba unha cámara e que podía controlarse dende o smartphone a distancia, e aínda que inicialmente era unha especie de xoguete de realidade aumentada, esta tecnoloxía non para de avanzar, e agora presentan o Parrot Bebop Drone, que chegará ao mercado no último trimestre do ano e que supón un auténtico paso de xigante ao integrar tecnoloxías punteiras que permítenlle converterse nunha ferramenta válida para captar vídeo e imaxes aéreas de calidade.
Esta evolución do AR.Drone conseguiu reducir significativamente o seu tamaño ata quedar en 28 x 32 x 3,6 centímetros, deixa o seu peso en menos de 400 gramos e, grazas aos seus numerosos sensores de tres eixos é capaz de manter a estabilidade no aire mentres grava vídeo en Full HD, toma fotografías de 14 Mpíxeles e comunícase co usuario que o controla mediante 4 antenas Wi-Fi que xestionan frecuencias de 2,4 e 5 GHz en MIMO (soportando o estándar IEEE 802.11ac) e, aparte de poder controlarse dende móbiles ou tablets con iOS ou Android, tamén pode manexarse mediante un accesorio moi completo chamado Skycontroller, que conta con conector HDMI o que facilitaría o seu uso con lentes de realidade virtual como as Oculus Rift, conseguindo unha experiencia de uso realmente inmersiva.
O Bebop Drone, que é tan seguro como para poder voar en interiores, funciona cun procesador A9 de dobre núcleo, sistema operativo Linux e batería de 1.200 mAh (o que permitiríalle uns 12 minutos de voo), mentres que o mando Skycontroller operaría con Android 4.3 e incluso incluiría un visor solar para facilitar o seu uso en exteriores. O software deste novo produto de Parrot está deseñado para que sexa doado publicar as fotografías que tomemos entre as nosas redes sociais e para que os vídeos que gravemos poidan compartirse a través de YouTube cun único toque.


Vídeo de presentación do Parrot Bebop Drone

PUBLICIDADE