Páxinas Galegas comeza un labor intensivo de verificación de tódolos negocios da nosa terra

mércores, 14 de decembro do 2011 Fernando Sarasketa

A empresa de servizos de busca, Páxinas Galegas, iniciará este mes de decembro unha campaña de verificación e confirmación de tódolos negocios, empresas e profesionais da comunidade galega que se estenderá durante o primeiro semestre do 2012. Nesta iniciativa de Páxinas Galegas, que ten a súa sede en Vilagarcía de Arousa, verificaranse os datos básicos como o nome, teléfono, actividade e enderezo, pero tamén se procederá a incluír información que ata agora soamente dispuñan as empresas de pago como son: a súa páxina web, correo electrónico, foto, texto descritivo das súas actividades, horarios, servizos básicos, etc...
Segundo se nos conta, calquera empresa, polo feito de atoparse na nosa terra, disporá dunha “ficha completa” en Páxinas Galegas. Con este proxecto empresarial, engaden fontes da empresa galega, preténdese reforzar a penetración no sector dos buscadores de empresas, mellorando a calidade e cantidade dos datos que poderán ser consultados polos usuarios de Internet e aplicacións móbiles. Tódolos negocios disporán dun colante (pegatina) que informará aos usuarios que os datos do seu negocio están actualizados na Web de Páxinas Galegas. Na actualidade realízanse 40.000 consultas diarias con mais de 150.000 páxinas vistas.
Cómpre lembrar que Páxinas Galegas está a ser obxecto de continuas melloras e actualizacións. Sen ir máis lonxe, o pasado verán modernizouse o seu sistema de emprazamento xeográfico das empresas, produtos e servizos do mapa, integrando unha ferramenta (feita con software de seu) que utiliza tecnoloxía de xeolocalización. Trátase dunha aplicación específica para as plataformas iPhone e Android, que permite acceder de balde a máis de 120.000 referencias xeolocalizadas en toda Galicia, de xeito doado e rápido. Segundo afirmaron os desenvolvedores durante a súa presentación, que tivo lugar en Santiago de Compostela, é a “primeira ferramenta destas características realizada integramente en Galicia”, da que destaca a súa efectividade, o seu emprego intuitivo e a calidade da información. A principal vantaxe desta ferramenta galega é a potencia e fiabilidade da súa base de datos, froito de moitos anos de experiencia no sector, que lles permitiron aos seus creadores realizar unha aplicación “de suma eficacia e máxima concreción”, tal e como afirmou o xerente de Páxinas Galegas, Francisco Díaz.
Coa presentación desta aplicación, Páxinas Galegas pretende ampliar e diversificar os soportes mediante os que os usuarios poderán acceder á información de empresas de Galicia como son a súa guía en papel editada para doce comarcas, a súa páxina web, dominios .mobi, o servizo de información telefónico 11844 e esta nova aplicación para móbiles iPhone e Android. Ademais dos servizos gratuítos, Páxinas Galegas ofrece ás empresas, negocios e profesionais, a posibilidade de que se destaquen en calquera destes soportes a través dos anuncios na guía, dun mellor posicionamento na súa páxina web ou doutros servizos web como: a contratación de dominios e correos electrónicos comerciais, creación de webs base, webs corporativas e tendas online. Todo un abanico de posibilidades desta empresa galega que dá un paso máis á fronte na aposta pola dixitalización e modernización dos seus servizos.

PUBLICIDADE