Pelty, o altofalante Bluetooth que funciona con candeas

venres, 27 de xuño do 2014 Marcus Fernández

Moitos dos proxectos de micromecenado que pretenden ver a luz na plataforma Indiegogo teñen poucas posibilidades de ver a luz, pero non por iso deixan de resultar rechamantes, como Pelty, un altofalante Bluetooth que sorprende por elixir como alimentación a enerxía térmica, ou sexa, que en vez de empregar unha batería recargable para operar colle a enerxía dunha candea que pode colocarse no seu interior, e que busca xuntar 100.000 dólares para converterse nunha realidade.

Na Expo delle Starup puideron verse en vivo os altofalantes Pelty

Este dispositivo deseñado e fabricado a man en Italia tería unha estrutura de cerámica e vidro, e prescindiría dunha toma de corrente eléctrica ao funcionar cunha candea que deberemos colocar acendida no seu interior, o que pode verse como unha solución ecolóxica (de aí tamén os materiais cos que se fabrica), aínda que o seu prezo pode espantar á meirande parte dos interesados, xa que neste momento pode adquirirse por 199 dólares (145,80 euros) incluíndo 3 candeas aromáticas, aínda que nos seguintes días o prezo será duns 229 e 265 dólares segundo optemos pola versión en branco ou negro, ou a de cor (laranxa, verde, rosa, violeta, azul ou vermello), aos que teríamos que engadir 15 dólares de portes, recibindo este curioso produto antes do Nadal de trunfar a campaña de captación de fondos.
Este curioso altofalante Bluetooth podería funcionar cunha candea até 5 horas, o que non parece precisamente económico (coas candeas que distribúen os responsables do proxecto teriamos que gastar preto de 50 céntimos/hora).


Vídeo promocional de Pelty

PUBLICIDADE