Philips estrea un televisor para cociñas con Android TV

mércores, 6 de novembro do 2019 Marcus Fernández

O mercado norteamericano está a recibir un novo televisor de Philips de 24 polgadas con Android TV que sorprende por estar enfocado á súa instalación na cociña, de aí que sexa de cor branca e que conte con micrófonos de longo alcance e con cancelación de eco, para facilitar que poida facerse uso do Asistente de Google en mans libres para controlar a televisión, a reprodución musical, a reprodución de contidos audiovisuais e incluso a visualización de receitas.
Este televisor co Asistente de Google integrado tamén pode aproveitarse para controlar a electrónica do fogar compatible mediante ordes de voz e, para os usuarios máis desconfiados, tamén conta cun botón físico para desactivar o seu micrófono.
Este novo televisor chega sobre un soporte con altofalantes, ten 2 portos HDMI e sae á venda a un prezo de 299,99 dólares (271 euros).

O televisor conta cun soporte que fai a función de altofalantes estéreo

PUBLICIDADE