Pioneer presenta novos navegadores compatíbeis con smartphones

xoves, 4 de xullo do 2013 Redacción

Pioneer vén de facer públicos tres novos modelos de navegadores dirixidos a achegar servizos de guiado avanzados para condutores ao tempo que os complementan con lecer multimedia e compatibilidade con smartphones. Trátase, máis polo miúdo, dos modelos AVIC-F50BT, AVIC-F950DAB e AVIC-F950BT, conectábeis co iPhone 5 e sistemas Android e ofrecendo unha pantalla táctil WVGA de alta resolución de entre 6,1 e 7 polgadas. Tamén subministran novas interfaces de mapas con información do tráfico en tempo real e de gráfica de usuario (GUI), ao que cómpre engadir a función AppRadio Mode para acceder e controlar o iPhone dende a pantalla táctil do navegador, máis a tecnoloxía bluetooth, a entrada USB e a reprodución de DVD/CD/MP3.
Por certo que o modelo AVIC-F950DAB incorpora un sintonizador de radio DAB, “de acordo coa crecente tendencia de escoitar emisoras de radio dixitais”, sinalan fontes de Pioneer, que engaden que “este tipo de sintonizador ofrece son dixital de alta calidade, permite explorar centos de novas emisoras de radio e outras fontes de servizos de tráfico e ten funcións como o retroceso para comprobar os títulos das cancións ou a opción de repetir pistas”. A maiores, os servizos RDS-TMC que acubillan estes aparellos proporcionan información en tempo real sobre incidencias no tráfico, proxectándoas sobre o mesmo mapa de navegación, permitindo ao usuario crear rutas alternativas que eviten os problemas de tráfico. Os mapas NAVTEQ que inclúen estes navegadores son, a xuízo de Pionner, “comprensíbeis dun xeito moi doado”. Achégase, tamén, unha memoria flash de 8 xigabytes, pantalla táctil de 7 e 6,1 polgadas, reprodución de DVD e a opción de configurar zona dual no vehículo para reproducir contidos diferentes nos asentos traseiros.

PUBLICIDADE