Pixii prepara unha cámara telemétrica que revela as fotografías no móbil

luns, 22 de outubro do 2018 Marcus Fernández

O fabricante francés Pixii sorprendeu anunciando unha nova cámara telemétrica compatible con obxectivos Leica M que destaca por revelar as fotografías na pantalla do noso smartphone, carecendo de pantalla e de lector de tarxetas de memoria. Teriamos así unha cámara compacta que achegaría unha experiencia de uso totalmente manual, pero que ao mesmo tempo comunicaríase cunha aplicación que teñamos no móbil para revelar e editar as imaxes tomadas.
Esta curiosa cámara contaría cun visor óptico, sensor CMOS con píxeles de 5.5µm, indicadores de exposición, selector manual de velocidade de obturación, Wi-Fi N, Bluetooth 4.2, almacenamento interno de 8 ou 32 GB, corpo de aluminio, unhas medidas de 138 x 79 x 33 milímetros e un peso de 460 gramos (incluíndo a batería de 1.000 mAh).
A cámara Pixii tería obxectivos intercambiables con montura M, ou sexa, que podería empregar obxectivos de fabricantes reputados como Leica, Zeiss ou Voigtlander, deixando claro que estamos ante un produto que non só busca unha experiencia de uso diferente, senón tamén captar imaxes de calidade.
Polo momento o produto aínda está en desenvolvemento, e nas vindeiras semanas detallaranse detalles como o seu prezo e a súa data de lanzamento.

JPEG - 76.9 KB
A cámara de Pixii é unha proposta moi orixinal que busca atraer aos amantes da fotografía sen pantallas

PUBLICIDADE