Plastic Logic presenta un novo eReader orientado a escolares

luns, 12 de setembro do 2011 Marcus Fernández

O fabricante de lectores de libros electrónicos Plastic Logic anunciou hoxe un interesante produto ao seu catálogo, o lector Plastic Logic 100 for Education, un dispositivo desexado pensando nas necesidades de estudantes e docentes. O trebello permite que os estudantes poidan levar, acceder e consultar todos os seus libros de texto dun xeito moi efectivo, sen ter que cargar cunha pesada mochila, xa que este lector cunha resistente pantalla de 10,7 polgadas (cunha resolución de 1.280 x 960 píxeles) ten un grosor de só 7,65 milímetros e un peso de só 475 gramos.
O Plastic Logic 100 permite ler os textos como se estivesen impresos en papel (incluso baixo a luz do sol), poden controlarse directamente a través da súa pantalla táctil (tanto para pasar as follas dos libros como para subliñar ou rexistrar anotacións a través dun teclado virtual) e a súa batería achega unha elevada autonomía (só sería preciso cargalo unha vez á semana).
O novo dispositivo está xa en probas en varios centros educativos rusos, país no que sae á venda por 12.000 rublos (290,03 euros) con 4 Gb de memoria interna e sistema operativo Windows CE.

O novo eReader presenta unha grande pantalla táctil, peso lixeiro e excelente autonomía, converténdoo nun produto ideal para estudantes

PUBLICIDADE