Poco pechará a súa páxina web

luns, 14 de outubro do 2024 Marcus Fernández

En 2019 Xiaomi lanzou os seu primeiro móbil da marca Poco, independizando a marca ao ano seguinte, e ofrecendo unha gama de móbiles moi interesantes en todo este tempo, caracterizándose principalmente por ofrecen elevadas prestacións a prezos axustados.
Aínda que en España teñen un espazo de seu na páxina web de Xiaomi, mantiñan unha páxina web específica da marca, esforzo que finalmente non parece resultar rendible, pois veñen de anunciar que pecharán as tendas en liña propias de Poco o vindeiro día 21 e pecharán os espazos web de Poco no mes de decembro.
Para a meirande parte dos consumidores isto non terá ningún impacto, pois incluso aos clientes que teñan realizado compras na Poco Store acumulando puntos de fidelización non se lles prexudicará co peche das webs, xa uqe os Poco Points transformaranse en Mi Points, e tamén trasladarán os pedidos da páxina web de Poco á de Xiaomi, xunto cos datos dos usuarios, para así poder manter os servizos posvenda.
Lembremos que Xiaomi leva anos cunha política multimarca (Mi, Redmi e Poco), coa intención de segregalas, pero na práctica temos simplemente liñas de produto baixo a mesma cadea de distribución.