Pokémon UNITE chegará antes a Switch que a móbiles

venres, 18 de xuño do 2021 Marcus Fernández

A franquía de Pokémon contará cun novo videoxogo este verán, Pokémon UNITE, que sorprende en boa medida porque no mes de xullo vai estrearse en primicia para Nintendo Switch e non será até o mes de setembro cando chegará a dispositivos móbiles, estratexia de lanzamento que resulta bastante afastada do habitual, especialmente para un xogo que pode descargarse de balde e no que haberá compras dentro da aplicación opcionais.
Amais, este xogo ten previsto contar con xogo cruzado entre consola e móbiles, polo que estamos ante unha proposta bastante inusual á que será interesante seguir para comprobar se estamos ante un modelo de xogo válido para máis títulos da mesma liña.
Pokémon UNITE estará ambientado na illa Aeos, unha illa mística na que teñen lugar unha serie de torneos nos que os xogadores teñen que formar equipos de 5 para enfrontarse a outros equipos para ver quen consegue máis puntos antes de que remate o tempo estipulado. Tamén fai acto de presenza no xogo a enerxía Aeos, que pode empregarse para facer evolucionar aos Pokémon.
O xogo fai uso de varios tipos de moedas virtuais: xemas (de pagamento), moedas e tíckets. Estas dúas últimas poden empregarse para adquirir licenzas que permitan o uso de certos Pokémon nos combates, mentres que para as personalizacións de aspecto é preciso utilizar xemas. Certos elementos do xogo poderán conseguirse indistintamente con semas ou tíckets, de xeito que Pokémon UNITE podería evitar ser considerado un xogo pay to win, e usuarios con moitas horas de xogo poderían progresar sen gastar cartos reais.

Tráiler de Pokémon UNITE

PUBLICIDADE