Polar M600, o novo reloxo deportivo con Android Wear

mércores, 3 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Polar conta con grande experiencia en monitores de actividade, pulsímetros e tecnoloxía deportiva wearable, e atendendo á demanda dos dispositivos conectados ao smartphone, anuncian o Polar M600, un smartwatch deportivo resistente á auga que funciona con Android Wear, de xeito que fusiona as vantaxes dun reloxo conectado e dun sistema de monitorización de actividade, integrando tamén GPS, o que facilita o rexistro dos adestramentos.
O Polar M600 conta cunha pantalla táctil de 1,3 polgadas de cor, cun botón frontal para facilitar o control dos adestramentos e cunha batería con máis de 48 horas de autonomía cando se emprega conectado a un dispositivo con Android. Véndese en cor negra ou branca, e antes do remate do ano venderase tamén nun modelo vermello, sendo o eu prezo comercial de 349,90 euros.
O feito de que funcione con Android Wear permite que o Polar M600 poida funcionar con máis de 4.000 aplicacións dispoñibles en Google Play, podendo operar en combinación con smartphones con iOS e Android, para poder ver así os resultados da actividade física, do ritmo cardíaco ou incluso detalles do sono.
Tamén é un bo asistente para os adestramentos de corredores, que poden axustar o accesorio para que os axude a prepararse para competicións de distintas distancias (maratón, media maratón, 10 quilómetros ou 5 quilómetros).
O Polar M600 funciona cun procesador MediaTek MT2601 de dobre núcleo a 1,2 GHz, 512 MB de RAM, 4 GB de almacenamento interno, pantalla de 1,3 polgadas cunha resolución de 240 x 240 píxeles e protección Corning Gorilla Glass 3, monitor cardíaco óptico de 6 LED, resistencia á auga IPx8 (de xeito que podería nadarse con el), GPS, Bluetooth 4.2, Wi-Fi N, micrófono e batería de 500 mAh.

O Polar M600 é resistente á auga

PUBLICIDADE