Política Lingüística achega recursos para comunicármonos cos Reis Magos en galego e na Rede

mércores, 29 de decembro do 2010 Fernando Sarasketa

De metérmonos estes días no fregado de felicitar o Nadal e o Aninovo, por que non facelo poñendo un gran de area pola nosa cultura? Dito doutro xeito: xa que enviamos unha tarxeta virtual de Feliz Ano ou nos comunicamos cos Reis Magos, tamén está ben contribuír á normalización do galego neste ámbito, xa que ninguén o vai facer por nós. Esta é a idea da campaña posta en marcha nestas festas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, unha iniciativa que tenta recuperar e pór en valor “a morea de tradicións ligadas ao Nadal coas que conta a nosa terra: especializades na cociña, personaxes como o apalpador ou o pandegueiro, panxoliñas, contos e outras vivencias novas”. A campaña ten a súa faciana dixital, e xa leva días á vista na web do dito departamento da Xunta.
Nela podemos ver varias maneiras de festexar estes datas en galego. Asemade, xunto a este espazo en liña, a Secretaría Xeral puxo en marcha un certame de presentacións electrónicas de Nadal dirixido, precisamente, a favorecer o asentamento do galego neste eido. No concurso, que xa rematou e xa ten gañadores, concorreron máis de 150 traballos.
A maiores, Política Lingüística habilitou un servizo de subministro de postais electrónicas, suxeitas a personalización e accesibles en www.postaisengalego.com.
Polo que respecta aos Reis Magos e á súa chegada inminente, cómpre sinalar que tamén se habilitou unha canle para comunicármonos con eles na nosa lingua. O servizo foi posto en marcha pola Secretaría Xeral a través do Grupo Solnet, e xa podemos velo en www.cartasdosreismagos.com, un espazo web que entre outras cousas lles permite ás nais e aos pais solicitarlles aos Reis Magos unha carta personalizada para os seus fillos, asinadas polas propias maxestades de Oriente. “Coa colaboración neste proxecto, que se materializa no asesoramento e revisión lingüística de todos os materiais ofertados en galego, a secretaría xeral quere contribuír a alimentar a ilusión dos máis pequenos e a favorecer a presenza do galego na súa comunicación cos Magos de Oriente”, sinala o departamento da Xunta.

PUBLICIDADE