Política Lingüística convoca a edición 2022-23 do certame audiovisual Nós tamén creamos!
luns, 5 de decembro do 2022
A
Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de
Ordenación e Innovación Educativa (Consellería de Cultura e
Educación) convocan
os premios a curtas de animación en galego elaboradas no marco do
programa Nós tamén creamos! para o curso 2022/2023. O
certame diríxese a distinguir as mellores creacións audiovisuais de
animación en galego do ámbito escolar para o presente ano
académico.
Premios
Establécense
tres categorías, con cadanseu galardón.
Categoría
1: destinada a curtas realizadas con alumnado do segundo ciclo de
Educación Infantil
Categoría
2: destinada a curtas realizadas con alumnado de 1º e 2º de
Educación Primaria
Categoría
3: destinada a curtas realizadas con alumnado de 3º e 4º de
Educación Primaria
Ademais,
poderá concederse, a xuízo da comisión de selección, un accésit
para cada categoría.
O
profesorado participante nas curtas premiadas recibirá unha
certificación de Primeiro Premio de Innovación Educativa para cada
unha das categorías, cunha equivalencia de 30 horas de formación
permanente do profesorado para a persoa coordinadora e de 20h para o
profesorado participante. De ser o caso, o profesorado que participe
nas curtas recoñecidas cun accésit recibirá unha certificación de
accésit.
Os
colexios recibirán, ademais dun lote de libros, un contrasinal de
acceso á Plataforma OQO de contidos dixitais en galego durante o
curso 2022-2023, para poder acceder aos álbums ilustrados sen
necesidade de manipulalos, de ser preciso.
Os
centros públicos admitidos no programa Nós tamén creamos!
no marco do Plan Proxecta+ quedarán inscritos de oficio no certame.
Para os demais centros de titularidade pública, o prazo de
presentación das solicitudes a través da sede electrónica da Xunta
de Galicia rematará o día 1 de febreiro de 2023. A data límite de
envío das curtametraxes será o 30 de maio de 2022.
Aprender
e ensinar innovando
A iniciativa Nós tamén
creamos! é un programa de dinamización lingüística que
consiste na elaboración nas aulas de curtas de animación en galego
coa técnica stop-motion partindo de narracións literarias,
un labor para o que o profesorado recibe materiais e formación no
marco do Plan Proxecta, a iniciativa da Consellería de Cultura,
Educación e Universidade para fomentar a innovación educativa e o
traballo en rede e do alumnado e do profesorado.
Neste contexto,
o certame de curtas promove, en palabras das entidades organizadoras,
“xeitos cada vez máis efectivos de aprendizaxe de linguas e
consegue unha relación positiva dos rapaces co idioma propio de
Galicia, ao relacionalo co audiovisual e coas TIC, as novas
Tecnoloxías da Información e a Comunicación”.
As
curtas gañadoras están dispoñíbeis no Portal
da Lingua de Política Lingüística.