Pont-Up Store afonda este venres nas aplicacións da tecnoloxía VR na construción

venres, 18 de setembro do 2020 S. P.

Comezou este xoves 17 a feira de emprendemento pontevedresa Pont-Up Store, unha das grandes palestras do talento galego aplicado a proxectos empresariais innovadores, desta volta marcada pola COVID e pola imposibilidade de levar a cabo actividades que impliquen algún tipo de risco para asistentes e cidadanía en xeral (por exemplo a habitual carpa de proxectos da praza de España). Con todo, a organización (o Campus de Pontevedra e o Concello) fixo todo o posíbel para garantir a continuidade, poñendo o foco na súa vertente máis divulgativa, explicativa e ilustrativa. Este venres tocaranse temas como a tecnoloxía VR no sector da construción.
Este será o asunto da primeira das sesión que o Pont-Up adica hoxe a estas tecnoloxías ao abeiro do seu Espazo Gaming, entre as 17:00 - 17:30. Baixo o título Profesionais da animación, necesitámosvos no mundo da construción, Iván Gómez, CEO da empresa VT-Lab desenvolverá unha presentación para amosar todas as posibilidades deste eido de actividade.
A continuación, entre as 17:35 - 18:05, Xoel Vázquez, CEO da empresa Xoia Software, será o encargado do relatorio A realidade virtual e aumentada máis alá dos xogos e o lecer.
Por último, entre as 18:10 e as 18:40, Javier Davila Couto, CEO da emprensa KENDRA falará do Lecer desde un novo prisma. Uso de tecnoloxías de RV/ RA. As tres actividades poden seguirse a través das ligazóns que figuran dentro do programa da web do evento.
O Pont-Up Store completará a xornada deste venres con un meetup formativo organizado polo grupo Wordpress Pontevedra, destinado a axudar a emprendedoras e emprendedores a enfrontarse á actual situación de incertidume e de cambios empresariais bruscos, emprendendo procesos de dixitalización coa axuda de persoas expertas no mundo da mercadotecnia, a comunicación e o emprendemento. Será en aberto entre as 19:00 e as 21:00, a través da canle de Youtube de Wordpress Pontevedra, ou accedendo desde a web do encontro.
O relatorio Leva o teu negocio ao seguinte nivel co marketing dixital é a proposta formativa que ofrecerá R este venres de 10:00 a 11:30 dentro do Espazo de Desenvolvemento de Competencias e Economía Social, destinada a que as persoas emprendedoras coñezan os fundamentos da mercadotecnia dixital para mellorar a presenza e a visualización en liña do seu proxecto de negocio co obxectivo de atraer clientes e aumentar as súas ventas. A sesión repetirase o sábado no mesmo horario. As inscricións realizaranse a través da web do encontro.
Construíndo pontes! Como crear redes internacionais
Baixo este título, e dentro do Espazo de Internacionalización, a entidade Ticket2Europe desenvolverá unha actividade centrada en axudar ás persoas emprendedoras a comprender que, para construír os seus proxectos, é de vital importancia aprender do que sucede máis alá do seu entorno. Participará Pilar del Oro, do Programa Europeo LIDERA; Belén Mendoza, responsábel do Programa Erasmus para Novos Emprendedores; e presentaranse as experiencias innovadoras de colaboración de Via Láctea; Dinamo 10 e Creative Habitat; e Sports for the world. O encontro estará moderado por África Rodríguez de Espacio Arroelo.

PUBLICIDADE