Pontevedra e a tecnoloxía de Alma Industries converten o Mercado de Abastos nun lugar seguro fronte a COVID-19

martes, 27 de xullo do 2021 S. P.

O Concello de Pontevedra fixo balance dos fitos acadados polo sistema de control de aforo do Mercado de Abastos, do que falamos en detalle este mes de xuño dende Código Cero para destacar a capacidade do sistema para realizar visualización en tempo real dos visitantes e a participación activa no proxecto da empresa Almas Industries, quen proporcionou con esta tecnoloxía unha precisión do 95% e propiciou, ademais, a creación dunha contorna “cen por cen segura”.
A fórmula do éxito baséase en boa medida na colocación dunhas pantallas onde os usuarios do Mercado poden ver o número de persoas que se atopan en todo intre no interior do recinto, e cando é o momento no que poden acceder ao inmóbel. Isto é posíbel grazas ao sistema de B+SAFE de Almas enfocado ao ámbito da saúde e a seguridade.
Segundo se fixo saber no balance, unha 30.000 persoas pasaron no últimos catro meses polo Mercado de Abastos de Pontevedra respectando os controis de aforamento que non permiten superar a cifra de 150 visitantes simultáneos por planta.
O sistema dispón dunha área de detección de até dous metros e ofrece unha precisión do 95%.
Segundo sinalou a consellería de Promoción Económica, a socialista Yoya Blanco, “esta tecnoloxía punteira está a dar moita tranquilidade aos traballadores e usuarios do Mercado, ofrecendo o detalle en tempo real da afluencia de público, permitindo informar os clientes sobre se deben acceder ou esperar, axudando a previr aglomeracións e freando a posíbel propagación do coronavirus”.
E engadiu: “No actual contexto de pandemia, a concentración de persoas nos locais e as instalacións supón unha importante problemática, en especial naquelas que teñen grandes fluxos de público, como o Mercado de Abastos, que nestes momentos ten un aforamento máximo de 150 usuarios por andar”.

PUBLICIDADE